jueves, 18 de noviembre de 2010
Como xa saberedes, hai uns meses faleceu o propietario legal do emblemático Castelo de Pambre. Manuel Taboada, que así se chamaba, rehabilitou o título de conde de Borraxeiros en plena dictadura. Pero, que é un conde sen castelo? debeu pensar, e xa nos derradeiros anos do franquismo, foi cando o mercou por dous millóns das antigas pesetas (12.000 euros!) xunto coas terras adxacentes .
E así, dende o ano 1.974, este señor, desatendendo as demandas dos veciños, facendo caso omiso ás indicacións e aos expedientes sancionadores da propia Administración autonómica, e a pesar de estar declarado Ben de Interese Cultural, pechou o castelo a cal e canto, e deixou que o tempo e a dureza dos nosos invernos seguisen facendo mella nos seus debilitados sillares.
Debía ser o señor Taboada de profundas conviccións relixiosas, ou ao mellor temía pola salvación da súa alma, eu non o sei. O certo é que, piadoso el, no seu testamento legou o castelo aos "Hermanos Misioneros de los Enfermos Pobres de Teis", que pobres si, pero a vaquiña polo que vale... e agora ameazan con vender o castelo ao mellor postor se a Xunta ou outra Administración non se apuran a comprarllo.
Postos xa en antecedentes, creo que pode resultar interesante o artigo que alá polo nadal de 2.008 me publicou La Voz de Galicia na súa edición de Lugo, e no que dicía o seguinte:
"O Castelo de Pambre"
Lembro a emoción coa que fun por primeira vez na busca do Castelo de Pambre. Dende esas, moitas foron as veces que volvín visitalo e moitos os anos que pasaron. Aínda así, non me abandona a emoción cando recortado no horizonte vexo de novo aparecer a súa impoñente silueta de torres e ameas fundíndose coa paisaxe, envolto entre a brétema coma unha fantasmal aparición ou bañado polo sol que fai brillar o roxiño granito do país co que foi erguido.
Nesa atmosfera irreal, case máxica, resulta doado abstraerse e imaxinar a un don Gonzalo Ozores de Ulloa encaramado na torre da homenaxe outeando o horizonte na busca das mesnadas de Vasco Gómez das Seixas. Dende esas, moitas foron as loitas e asedios que tivo que resistir e resistiu, moitos os séculos que pasaron, para chegar ata os nosos días esmorecendo por culpa da fraqueza institucional e á arrogante desidia do seu propietario legal (non moral).
O Castelo de Pambre é, sen dúbida, o mellor expoñente de arquitectura militar medieval galega, un importante anaco da nosa historia , un Ben de Interese Cultural do que se está vendo privado o pobo e que se alguén non lle pon remedio, o que os Irmandiños non foron quen de destruír, sucumbirá irremediablemente ao deixamento e as inclemencias metereolóxicas.
A recuperación e posta en valor do castelo, por custosa que poida chegar a ser, deberá contemplarse sempre como unha inversión, pois con ela estarase ampliando de maneira significativa a oferta cultural da nosa terra. Servindo ademais de axente dinamizador dunha comarca interior como é a Ulloa que debe ter e ten na súa riqueza cultural e natural o seu principal atractivo.
Sen ánimo de demagoxia, non quixera rematar estas liñas sen facer unha reflexión: De que serve ter invertido, mellor dito, dilapidado miles de millóns de euros nun megalómano proxecto paradoxicamente chamado Cidade da Cultura, cando unha meirande parte do noso patrimonio cultural se destrúe e desaparece por falla de medios.
A Xunta ten a obriga de preservar e protexer ese patrimonio, destinando os medios necesarios para a súa recuperación e mantemento,
X. Carlos Calvo Ulloa (La Voz de Galicia, 28/12/2008).
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario