domingo, 14 de noviembre de 2010

DESFEITA



   Desfeita, pensei, cando hai uns días, paseando polas soberbias carballeiras de Donramiro, vin a desoladora imaxe que ofrecía unha das corredoiras que atravesa a coñecida como Carballeira da Crespa. A mesma, flanqueada por centenarios e nodosos carballos, que figura na fotografía (foto Miguel Calvo Ulloa) da cuberta da miña pequena novela ("La Casa de Brandán") e que podedes apreciar no deseño da portada deste blog.
   Agora é historia, xa pasou, e así, onde antes había un sendeiro, aberto primeiro polos usos tradicionais e racionais dos homes, e moldeado logo polo tempo e a natureza, ata fundirse e integrarse na paisaxe, agora, despois de que a maquinaria pesada arrasase as súas marxes, deixando as raices das árbores á vista, alterando a súa característica forma envolvente, só queda unha pista con firme de alcatrán, sen encanto, sen alma, fea...realmente fea.
   A desolación, tornou en rabia ao saber, por unha veciña que apañaba castañas nun souto próximo, que tal estrago, fora feito polo Concello de Lalín. Non é posible, pensei, que unha administración poida amosar, cando menos, semellante falla de sensibilidade, iso no suposto de que tal acometida sexa legal.
   Pena de gobernos, que de conservadores só teñen o nome. Tan difícil é darse conta de que o noso maior patrimonio, o noso monumento máis senlleiro, non é de formigón ou cristal, nin está deseñado por caros e prestixiosos arquitectos; o monumento que mellor nos representa como pobo é a nosa natureza. A natureza legounos un tesouro; o mérito é só dela, respectalo e protexelo é a nosa obriga.

1 comentario: