"MARACAIBO"
Beladino era todo un triunfador, con chalet estilo suízo en Rosa Porriño e Mercedes gris metalizado serie especial.
Home extraordinario, dotado dunha listura primixenia, que lle permitía ver as cousas despoxadas de todo lirismo que puidese entorpecer o seu lucrativo sentido da vida.
O pequeno negocio familiar fora medrando en paralelo ao seu ascenso na política; en poucos anos a "Carpintería Maracaibo", pasou de facer mobles para os veciños da aldea, a fabricar e instalar o mobiliario dunha morea de edificios oficiais.
De alcalde pedáneo a presidente da sociedade de montes, e de aí, o gran salto...concelleiro, concelleiro de agricultura, case nada.
Era tamén xeneroso, ata o punto de chegar a utilizar a política como medio para servir aos demais. Así, se alguén da aldea pedía que lle asfaltasen a pista ou lle puxesen unha toma de luz, alá ía el presto e servicial coa súa cuadrilla municipal, disposto a vender dereitos como favores.
E claro está, todo ese altruísmo debía ser correspondido, por elo, cada catro anos, noutro dos seus desinteresados servizos, os veciños, comidos e bebidos, papeleta en man, eran carrexados voluntariamente ao colexio electoral.
Con todo, aínda había xente ingrata que non lle correspondía. Tal era o caso de Manuel, que non cedía as súas presións para que lle vendese unha soberbia carballeira.
E así, unha noite de San Xoán, Beladino, aproveitando que o aire estaba xa impregnado de fume, furtivo dirixiuse a carballeira de Manuel. Provisto dun deses vellos fumigadores metálicos empapou as catro esquinas con gasolina e comezou a plantarlle lume, pero un repentino e traizoeiro cambio de vento obrou a traxedia, as lapas alcanzaron o fumigador e Beladino consumiuse en cuestión de segundos.
A mañá seguinte, os seus restos só puideron ser identificados pola súa escrava de ouro, gravada co seu nome no anverso e "MARACAIBO" no reverso.
Texto e fotos de X. Carlos Calvo Ulloa.
* Os personaxes e lugares que aparecen no texto son todos fruto da imaxinación do autor, todo parecido coa realidade é pura coincidencia.
Jijijijiji...un título precavido, si señor...
ResponderEliminarDe Don Celidonios está o mundo cheo...
ResponderEliminarKali, non din que home precavido...
ResponderEliminarPero é que o noso país é moi de Celidonios de nuestro Señor.